As enquisas auguran o peor resultado histórico para o PP en Galicia nunhas Xerais

Un estudo publicado por Sondaxe reflicte o transvasamento de votos do partido gobernante a Ciudadanos e asenta a En Marea como segunda forza

A perda de votantes do Partido Popular que amosan as enquisas de todo o Estado comeza proxectarse tamén en Galicia, un dos feudos tradicionais da formación conservadora. Segundo un estudo do Instituto Sondaxe, o PP obtería as súas peores cifras nunhas eleccións ao Congreso dos Deputados en Galicia, mantendo a maioría mais baixando até o 36’9%. En Marea asentaríase como segunda forza, co 23% dos sufraxios. Luís Villares, voceiro da coalición no Parlamento galego, considera este feito como unha “perda de confianza” do núcleo de votantes do PP por mor das súas políticas.

En Marea sería a segunda forza cun 23% dos votos

Pola súa banda, o PSOE descendería ao terceiro posto co 19’8% dos votos, sendo superado por vez primeira por En Marea. O líder do grupo socialista en Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, quita importancia ao asunto e considera “normal” que o seu electorado se desmobilice fóra do período de eleccións, ao tempo que confía en mudar a situación.

Pequeno aumento do BNG

Ciudadanos é o partido que máis sube, acadando un 12’6%, catro puntos máis que nas Xerais de 2016, mentres que o BNG experimentaría un pequeno aumento e se situaría no quinto posto cun 4’1% que non lle permitiría acadar representación no Congreso. Porén, dende o Bloque non prestan demasiada atención a esta sondaxe e confían en continuar a tendencia ascendente de cara ao 2020.