Aprobada a reforma da Lei de Saúde cunha forte oposición cidadá

O texto só contou co voto positivo da bancada do PP, que acusou aos grupos da oposición de "manipular" á cidadanía

Sesión tensa no Parlamento de Galicia. O PP aprobou en solitario o proxecto que modifica a actual Lei de Saúde e provoca o peche das áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Salnés, e O Barco. Unha decisión impopular que se proxectou ás portas da Cámara galega, onde plataformas coma SOS Sanidade Pública se manifestaron esixindo a abolición deste texto. A deputada do BNG Montse Prado acusou ao presidente da Xunta de gobernar “de costas á cidadanía”, após rexeitar as 33 emendas que a formación nacionalista presentou ao proxecto de lei.

Montse Prado (BNG): “Se o PP gobernase para a maioría, tomaría nota do rexeitamento cidadán á reforma sanitaria”

Máis contundente na súa intervención foi o socialista Julio Torrado, quen considera que esta lei agrada ás e os deputados do PP pero “dalles vergoña contar por que”, xa que, aseguran os socialistas, “o Goberno galego sabe que está a facer algo mal”. Chegada a quenda para En Marea, a deputada Eva Solla cualificou de “satrapía” a xestión de Núñez Feijóo, ao tempo que lembrou ao grupo de Goberno que “a súa maioría non lle dá lexitimidade para non escoitar á cidadanía”.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

O PP mantén que a reforma mellorará a prestación do servizo

É difícil debater contra eslóganes e falacias

Pola súa banda, o deputado popular Aurelio Núñez lamentou que os demais partidos fagan oposición con “eslóganes e falacias”, namentres dende a súa bancada podían escoitarse berros que tachaban a BNG, PSdeG-PSOE e En Marea de “manipuladores”. Núñez considera que esta reforma sanitaria atópase dentro da legalidade e vai incrementar o “número de consultas” e a “calidade do servizo”, afirmacións desmentidas dende os sindicatos.

Finalmente, o texto foi aprobado unicamente co voto favorábel do Grupo Popular e cun crecente malestar na tribuna do Parlamento, onde foron convidados polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, alcaldes e alcaldesas socialistas das poboacións afectadas por esta modificación da lei.

Nas rúas, mobilización cidadá

A veciñanza das áreas afectadas pola reforma sanitaria pediu a abolición da mesma ao berro de “Nin saúde, nin pensións; gobernados por ladróns”

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -