Agustín Hernández rectifica e descúlpase pola súa “torpeza” no río Sar

Logo de amosar a súa "satisfacción" pola difusión que obtiveron as imaxes, o voceiro popular pide desculpas

Non foi sen tempo. Unha semana despois, e logo de indicar que estaba “totalmente satisfeito” polas súas torpes imaxes botando lixo ao río Sar, Agustín Hernández pide desculpas. As imaxes tomadas por Nós Televisión foron visualizadas por millóns de persoas en todo o Estado e, unha semana após o lembrado acontecemento, o líder do PP de Santiago admite que non foi boa idea.

Asemade, Hernández sentiu que as súas imaxes “só sirvan para desprestixiar” a súa figura política, ao tempo que aproveitou para cargar novamente contra a xestión de Compostela Aberta á fronte do Goberno local: “Pido ao alcalde que deixe os chistes e faga algo para combater a contaminación do Sar”, expresou.